A Asociación de Veciños/as Campo da Feira de Paiosaco remitiu a pasada semana ao Valedor do Pobo e ó Defensor del Pueblo sendos escritos denunciando a discriminación que está a sofrir, un ano si e outro tamén, por parte do Concello da Laracha, xa que denegan as subvencións solicitadas pola Asociación. Somos a única asociación do municipio que solicita a subvención e non lle é concedida.

Nestes dous escritos exponse que a Asociación de Veciños presentou o pasado 6 de abril alegacións ás bases da convocatoria pública das subvencións do concello da Laracha.
O concello, gobernado con maioría absoluta do PP, non contestou ás alegacións, cando tiña que facelo, e paralizar o proceso das subvencións até aprobar as bases definitivas. Isto mesmo sucedeu os dous últimos anos cando tamén se presentaron alegacións ás bases das subvencións do 2012 e 2013. O anos anteriores dixeron que traspapelaran os papeis. Pasaríalles o mesmo este ano?. Dende a Asociación non queremos ser mal pensados, pero é moita casualidade que isto pase tres anos seguidos.

Igualmente, a Asociación de Veciños/as presentou a solicitude da subvención o 6 de maio para realizar unha excursión. No verán o concello denegou a subvención á Asociación (sen contestar ás alegacións, claro está), porque segundo o goberno do PP larachés “non ten como obxecto social principal a realización de actividades da mesma natureza que aquelas para as que se solicita a subvención”. Segundo os estatutos da Asociación a actividade para a que se solicitou a subvención entra de cheo dentro dos obxectivos dos estatutos. En segundo lugar esiximos que o goberno municipal explique todas as subvencións que concedeu para saber se o resto das entidades teñen como fin principal a actividade para a que solicitaron a subvención, xa que de non ser así estaría discriminando á Asociación de Veciños/as Campo da Feira, tan só porque non é unha asociación monicreque do concello.

Como dicimos o goberno municipal do PP na Laracha está discriminando ano tras ano á Asociación e isto non debería pasar nun concello democrático, xa que as administracións públicas deben de ser obxectivas, imparciais e eficaces, e dende o noso punto de vista o Concello da Laracha non o é.

Os comentarios están pechados.