Nov
8
        A asociación de Veciños e Veciñas Campo da Feira de Paiosaco, presentou estes pasados días dous escritos no concello da Laracha solicitando un colector de pilas en Paiosaco e a revisión e arranxo da rede de sumidoiros.

       No primeiro dos escritos exponse que a  veciñanza de Lestón non conta con ningún lugar axeitado á hora de desfacerse das pilas usadas, cando as administracións están todos os días lembrándonos que temos que reciclar.

     Cando nos desfacemos de forma incorrecta dunha pila estamos engadindo residuos perigosos ao medio ambiente. Entre as substancias perigosas que conteñen están o mercurio, chumbo, cadmio, níquel, cinc e manganeso. O mercurio, por exemplo, cando non é reciclado de forma axeitada, unha pequena cantidade, pode contaminar miles de litros de auga.

     Esta é xa a terceira vez que a asociación lle solicita ao concello o colector para as pilas, sen recibir contestación algunha nos dous escritos anteriores. Agardamos que esta vez si teñan en conta a nosa solicitude, senón, calquera podería entender que o goberno municipal do PP na Laracha está en contra da reciclaxe.

     No outro escrito presentado no rexistro municipal, solicítase ao goberno do PP larachés que sea arranxada a rede de sumidoiros en Paiosaco, xa que estes pasados días coa volta das choivas, puidose ver de novo como en distintos puntos de Paiosaco había inundacións na beiravía e beirarrúas, xa que os sumidoiros non daban recollido a auga caída. Nalgún paso de peóns non se podía atravesar a rúa, debido a que a auga subía por enriba da beirarrúa e chegaba aos xeonllos (como se pode apreciar nas fotografías).

O arranxo e revisión da rede de sumidoiros en Paiosaco xa foi solicitada anteriormente ao goberno municipal, sen recibir resposta algunha. O único que fixeron ao respecto foi soldar algunha tapa dos sumidoiros para que non saíran disparadas coa presión da auga que as empuxaba cara enriba. Dende o noso punto de vista isto é totalmente insuficiente e non resolve o problema, xa que a rede de sumidoiros non da recollido toda a auga que cae, como se volveu a ver estes días.

2WP_000588WP_000591

Os comentarios están pechados.