A Asociación de Veciños/as Campo da Feira non é un monicreque do goberno larachés do PP


A Asociación de Veciños/as Campo da Feira de Paiosaco remitiu ao Valedor do Pobo e ó Defensor del Pueblo sendos escritos denunciando a discriminación que está a sofrir por parte do Concello da Laracha, xa que ano tras ano denegan as subvencións solicitadas pola Asociación. Somos a única asociación do municipio que solicita a subvención e non é concedida.

Nestes dous escritos exponse que a Asociación de Veciños presentou o pasado 20 de marzo alegacións ás bases da convocatoria pública das subvencións do concello da Laracha. O concello, gobernado con maioría absoluta do PP, non contestou ás alegacións, cando tiña que facelo, e paralizar o proceso das subvencións até aprobar as bases definitivas. Isto mesmo sucedeu o pasado ano cando tamén se presentaron alegacións ás bases das subvencións do 2012. O ano pasado dixeron que traspapelaran os papeis. Pasaríalles o mesmo este ano?. Dende a Asociación non queremos ser mal pensados, pero é moita casualidade que isto pase dous anos seguidos.

    Igualmente, a Asociación de Veciños/as presentou a solicitude da subvención o 6 de abril para realizar unha excursión. No mes de xuño o concello denegou a subvención á Asociación, porque segundo o goberno do PP larachés “non ten como obxecto social principal a realización de actividades da mesma natureza que aquelas para as que se solicita a subvención”. Segundo os estatutos da Asociación a actividade para a que se solicitou a subvención entra de cheo dentro dos  fins que se perseguen. En segundo lugar esiximos que o goberno municipal explique todas as subvencións que concedeu para saber se o resto das entidades teñen como fin principal a actividade para a que solicitaron a subvención, xa que de non ser así estaría discriminando á Asociación de Veciños/as Campo da Feira, tan só porque non é unha asociación monicreque do concello.

   Como dicimos o goberno municipal do PP na Laracha está discriminando ano tras ano á Asociación e isto non debería pasar nun concello democrático, xa que as administracións públicas deben de ser obxectivas, imparciais e eficaces, e dende o noso punto de vista o Concello da Laracha non o é.

Os comentarios están pechados.