A A.VV. Campo da Feira presentou este día diversos escritos denunciando que o Concello da Laracha segue a utilizar topónimos deturpados.

Os escritos están dirixidos ao Concello , á Xunta de Galiza e ao Valedor do Pobo.

 

Isto mesmo xa fora denunciado no pasado mes de marzo. Daquela o Valedor do Pobo e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galiza dixeran que o concello xa achegara a documentación necesaria ao Instituto Nacional de Estatística para facer os cambios nos nomes dos lugares que estaban mal. Isto non é así, xa que a asociación veciñal recibíu un escrito do INE no que se nos dicía que aínda estaban á espera de que o Concello da Laracha lles remitira a documentaciónnecesaria para facer os cambios.

 

A día de hoxe, no padrón municipal séguense a usar topónimos da dictadura franquista como “PAYOSACO”, “GERMAÑA”, “GERIZ”, “SANTABAYA”, “VILAR DO BOY”, “LARACHA”, “GELA”, etc. Istes son só uns poucos exemplos, xa que o 69% dos topónimos do concello están deturpados e concretamente na parroquia de Lestón, de 15 entidades de poboación 12 teñen o nome mal (o 80%).

 

Xa vai para 10 anos que están publicados no Diario Oficial de Galiza os topónimos oficiais do Concello da Laracha, e o Goberno Municipal segue sen facer nada para que os nomes das poboacións que usaban na dictadura do “Generalísimo Franco” (nome que aínda ten a praza do concello) desaparezan do padrón municipal. O goberno do PP incumpre así a Lei de Normalización Lingüística que no seu artigo 10.1 di: “Os topónimos de Galiza terán como única forma oficial a galega”.

 

Dende a Asociación de Veciños/as non nos estraña que dende o goberno larachés non queiran utilizar os topónimos oficiais, xa que cando foron publicados no DOG, o Alcalde da Laracha opoñíase totalmente a que o nome do concello levara o artigo diante “A LARACHA”, como foi sempre.

 

No arquivo adxunto pódese ver como seguen a empregar en documentos oficiais topónimos deturpados  como “PAYOSACO” e “LARACHA”, no lugar de “PAIOSACO” e “A LARACHA”.

 

Mediante estes escritos a Asociación de Veciños/as Campo da Feira ínstalle á Xunta de Galiza e ao Valedor do Pobo que esixa ao goberno do PP no Concello da Laracha que cumpra a lei e que corrixa urxentemente os topónimos deturpados deste municipio.

Os comentarios están pechados.