O pasado domingo 26 de maio a Asociación de Veciñas e Veciños Campo da Feira realizou a excursión ao Barqueiro.

Saímos de Paiosaco ás 9 da mañá con direción á Ponte de Mera, a onde chegamos arredor das 10:45 para coller o tren de vía estreita que saía cara ao Barqueiro ás 11:30. Subimos ao Feve e logo de media hora de viaxe chegamos á estación do Barqueiro e dende alí fomo até a fermosa vila mariñeira.

Logo de tomar nun bar da vila un cafeíño para botar o frío do corpo, fomos até a praia, e de alí fomos polo paseo ó longo da ría, para atravesar a ponte peonil que separa a provincia da Coruña da de Lugo ( ponte na que durante a sublevación fascista do ano 1936 foron “paseados”moitos dos que defendían a república).

Despois de deixar a ponte atravesamos un treito de monte, polo medio de toxos e silvas, até o autobús para dirixirnos ao restaurante “Relojes” para xantar, onde a cociñeira do local nos deleitou cunha suculenta e abundante comida.

Repousamos un pouco a comida para dirixímonos ao Cabo Estaca de Bares, a punta máis ao norte da Península Ibérica e que separa o océano Atlantico do mar Cantábrico. Dende alí dirixímonos a visitar os muíños de Bares que están en ruínas, moi cerca do faro. Para chegar até eles temos que pasar por diante dunha antigua base militar americana. Estes 5 muíños alimentabanse do mesmo regato de auga. Os muíños están dispostos en fervenza para aproveitar ao máximo a forza da auga. Esta ao sair do 1º muíño ía até o seguinte por unha canle aproveitando o forte desnível do terreo, pasando polos cinco ate car ao mar. Tamén poidemos visitar a estación ornitolóxica ao carón dos muíños, un lugar privilexiado para observar as aves migratorias que cruzan esta zona nas súas viaxes migratorias.

Dende Estaca de Bares dirixímonos ao Porto de Bares, e logo de visitar a vila mariñeira, subimos ao autobús e collemos o camiño de volta cara a Paiosaco.

Podedes ver aquí algunhas das fotos desta excursión.